Thursday 02 de May de 2024

Policía Local e Protección Civil extinguen un incendio forestal en Erboedo


Ata o lugar tamén acudiu unha brigada do Distrito Forestal II cun vehículo motobomba e o Axente forestal.

Ás 8:30 horas desta mañá recibiuse o aviso dun incendio forestal detectado na parroquia de Erboedo, á altura do lugar da Fontenla. Ata o lugar desprazáronse de inmediato unha patrulla da Policía Local e dous voluntarios de Protección Civil da Laracha cun vehículo motobomba do Concello que está a disposición dos servizos municipais de emerxencias. A continuación tamén acudiron unha brigada do Distrito Forestal II de Bergantiños e As Mariñas Coruñesas con outro vehículo motobomba e o Axente forestal.

O incendio quedou extinguido por completo en torno ás 10:00 horas. A rápida intervención dos efectivos municipais evitou a propagación das lapas e que o incendio se estendese a unha maior superficie de terreo nunha xornada na que o vento que se estaba a rexistrar na zona podería ter agravada a situación.
O incendio presentaba dous focos a unha distancia de aproximadamente cincocentos metros, un deles con tres puntos de inicio e o outro, con dous. É por iso que as investigacións apuntan a que foi provocado.

O Concello solicita a colaboración cidadá para tratar de esclarecer os feitos. Calquera persoa que poida achegar información ao respecto, pode facelo dirixíndose ao propio Concello ou á Policía Local da Laracha.